sábado, 30 de julio de 2016

A política (local) e os seus misterios.

Xa estamos nas portas do mes de agosto, o mes do veraneo por excelencia. Qué culebrón nos agarda?
Dende febreiro, en Sanxenxo a política local deu para moito durante estos meses. Despois do tremor que sacudeu SXX Pode, Roberto Carlos, o último compoñente do xa extinto "cuatripartito", decideu dar portazo á súa formación política e tamén á súa responsabilidade como socio de goberno e como concelleiro de Xuventude e Festexos. Pese a todo, non renunciou á súa acta de concelleiro, polo que traballa na oposición como non adscrito.

Dende o pasado mes de abril, e tras o "RaiaGate", o señor Agís Balboa protagonizou unha situación que non se vivía no concello dende principios dos anos 90. O "cuatrimonio" resultou rematar en "trimonio", e Roberto presentou o divorcio ante o rexedor Gonzalo Pita, o alcalde 007, que sempre sae para a foto, pero pouco máis. Semella que non se entendían alá moi ben. Así e todo, o soño progresista que adebecía as noites de SXX Pode, rematou en pesadelo, quedou sen representación no Goberno local e nin sequera está na oposición. A resaca das mareas botou á formación podemita pola porta de atrás. E agora Sanxenxo pode permitirse o luxo de ter un tripartito e dúas oposicións, unha de dereitas e outra de centro-esquerda, que representa as ideas políticas, non xa dunha formación, senón dun propio individuo. Roberto aforra así pelexas internas, a menos que sexa dos que discuten fronte ó espello con eles mesmos, que tamén os hai, abofé que si.

O tetrapartito prometía progresismo, pero quedou no intento.
Pero, ónde están os cambios progresistas para Sanxenxo? Os ventos novos de xuño de 2015 quedaron en lixera brisa no 2016, pero unha brisa como a destes días, uns aires que case nin refrescan, coma unha bafarada de aire quente na cara. Non se ve nova política por ningures, nin se intúe. Iso sí, o PP de Telmo Martín, agora no "banquillo", reméxese todo canto pode, porque de mala gana está na oposición. Para os que non o coñezan, Martín é home de acción, e ser reservista non lle "mola" nada de nada. Calma, señor Telmo, que sen esforrzo ningún voltará á poltrona cando o tripartito caia de maduro, alá polo 2019.
Nin aires renovados nin nova política. Só improvisación e postureo, ou postureo e improvisación. Os problemas dos veciños seguen no lugar de sempre, que a saber qué lugar será ese... Aínda que soe música diferente, os nosos políticos continúan bailando o mesmo baile (tamén é aplicable á política nacional, pero é tal o esperpento ó que estamos xa habituados que é mellor ou calar ou reservarse para outro post).

No tocante á miña parroquia, imos ver... Ademáis da polémica polo retraso da colocación da feira do paseo de Baltar, a escasa actividade lúdica e cultural en Portonovo, e os problemas de estacionamento habituais, hai que engadir o abandono dos camiños do rural, moi transitados nos meses de verán.  A ausencia de medidas na rúa Río Valiejos, que continúa, e seguirá, sen beirarrúas nin puntos de luz. A estrada EP-9506, coñecida como estrada de Adina, segue sen sinais indicativas, para desorientación dos turistas, e con escasa seguridade viaria, aínda sendo un vial que da entrada a Portonovo dende a VG 4.1, e que serve de aliviadeiro do tráfico que sae da vila durante os meses de xullo e agosto. Os ríos Fabaíños e Baltar seguen abandonados á súa sorte, e cada ano que pasa, alónxase a esperanza de un día ver realizada unha senda fluvial que abra o regato ós veciños, tanto de Portonovo como dos núcleos da súa ribeira, podendo chegar ter o potencial de unir os tres núcleos vertebradores da parroquia, como son a vila mariñeira, Arra e Adina. A xullo de 2016 podemos decir que o "BIO Fabaíños" está na UCI. A parroquia segue carecendo dun entramado de rutas de sendeirismo, pese a ter o potencial máis que necesario para realizala, aínda máis agora, xa que a Ruta do Padre Sarmiento, que entra na parroquia polo Vicaño e sae en Montalvo, ofrécenos visibilidade e pode ser punto de partida para varias rutas que comuniquen a costa co interior da freguesía. Habería que estudialo
. Por outra banda, o clube de piragüísmo, desesperanzado, ve como o soño que leva anos perseguindo, o de ter unhas instalacións decentes para a práctica deste deporte náutico, estase a esvaecer, ante a pasividade de quen nos goberna.

Pero sexamos positivos. Seguro que hai outras cousas boas. Aínda que tarde, o párking do Seame, estará listo para as festas de San Roque.  Por qué non puideron telo feito antes e téñeno que andar a arranxar en pleno xullo? 
Pois, a política e os seus misterios...



viernes, 22 de enero de 2016

Cambio no 16

O pasado domingo, día 17 de xaneiro, de maneira incosciente pero premeditada, iniciei a terceira etapa deste blog que bauticei hai oito anos co nome de Pombal City, en alusión ó barrio no que vivo, e que deixei momentaneamente a finais de 2010 para marchar estudar a Santiago. Unha vez de volta, un dase conta que hai cousas que xa non soan nin semellan igual que antes. A sensación é estraña, quizais porque se perdeu parte da humanidade que se respiraba cando un era neno. Se ben é certo que os tempos cambian, pero o mellor é que as lembranzas van sempre na equipaxe, e cada rincón, cada lugar, fai rememorar ducias de anécdotas da infancia e dos primeiros anos da adolescencia. Nestes tempos cada un vai máis ó seu, e semella que xa non nos coñecemos entre nós. En fin, agardo que nesta volta ó universo blogger, que tinxirei cun toque máis intimista ca de costume, consiga que alomenos compartades comigo a vosa visión crítica e analítica das últimas novas de carácter local, mais sempre con un pouco de retranca.
Aínda que os blogueiros xa imos quedando un pouco trasnoitados, eu como amante dos soportes dos que moitos chaman "obsoletos", seguirei dando guerra por aquí e pola radio universitaria de Santiago de Compostela.

Na primeira entrada, publicada tamén o domingo, mencionei o cambio de goberno local. En efecto, o noso benquerido cuatripartito. Podo dicir que se agora nos medios de carácter estatal se fala de "segunda transición", tralas eleccións de decembro, en Sanxenxo xa se viviu hai pouco máis de medio ano. O mes de xuño de 2015 foi, para moitos sanxenxinos e sanxenxinas, a apoteose política. Non se lembraba cousa igual dende os tempos da nosa veciña Dora Alarcón, todo un animal político da vella escola. Agora tomoulle o relevo a súa filla Dori, que pouco lle falta para ser a lideresa de Sanxenxo Pode, a pesares de que hai unhas semanas quería marchar da formación morada.
Sanxenxo, como sigas así "no te va a conocer ni la madre que te parió".
Onde quedaron os tempos de expansión e bonanza económica nos que o PP se xactaba de sacar ó concello da pobreza e o atraso de tantos anos de goberno socialista de Jose Luis Rodríguez? "Váyase señor Puma" que non dixo Telmo, aló polo 1999, aínda que seguro que o pensou. Se Marbella tiña a Gil y Gil e a Maite Zaldívar, Sanxenxo tiña a Telmo Martín e a Catalina González, aínda que nas Rías Baixas eramos máis discretos, en moitos sentidos, afortunadamente. Os 2000 foron os anos das grandes obras, públicas e privadas, claro que sen obra privada a ver de ónde se ía sacar para o outro... Eran os anos do aznarismo, e como "España va bien" aquí paz e despois gloria. Máis ben, aquí paz e despois crise.
É certo que o boom do ladrillo foi moi bonito. Foron "días de vino y rosas", para moitos. Pero non hai rosa sen espiña, nin tampouco sardiña. Daqueles anos foron as obras faraónicas máis importantes do municipio, comezando polo porto deportivo de Sanxenxo, que case remata coa praia de Silgar, que estivo na UCI; tamén a piscina municipal e o ximnasio, inaugurados no 2003, e o centro de día. No 2003 foi tamén cando arranxaron a estrada de Adina. Nesa década podíanse ver, entre Sanxenxo e Portonovo máis de dez ou doce grúas de obra. Neses anos levantouse o túnel da Perla, as urbanizacións de Canelas, o polémico "Parchís", o Maracaibo, o edificio Alameda... e isto só en Portonovo, xa non menciono a vila capitalina. Os ecos do ladrillazo tamén chegaron ó Pombal, aínda que non petou coa forza esperada. As promocións urbanísticas aquí chegaron co declive, durante os anos pre-crise. As únicas obras que saíron adiante foron as de Residencial Pombal e a das Toxeiras. Como saberedes, o solar de Adinamar foi víctima da burbulla, e o que ata hai quince anos era un pinal fermoso e cheo de vida hoxe é un burato que cría bechos e vexetación, un cráter rodeado de valados metálicos, un cadáver da crise económica, da fin do soño. Un soño do que moitos espertaron cando as cousas comezaron a virarse de cu. Foron os anos de declive do goberno popular de Sanxenxo. A Telmo tocoulle a carne, e a Catalina os ósos. Visto está que a can fraco todo son pulgas.  O último cartucho do PP foi a compra da punta do Vicaño, ou o que quedou dela, vaia. Do 2011 ó 2015 a lexislatura pasou sen pena nin gloria. O ano pasado Telmo Martín soprendeu a uns poucos dicindo que voltaba á política sanxenxina e moitos creron que voltariamos a almorzar con diamantes, pero nada máis lonxe da realidade, o PP quedou ás portas da maioría. E daqueles barros estos lodos.
Agora, iso sí, a ilusión polo cambio político non nola quita ninguén. Quizáis porque para moitos a  ilusión é só cousa de ilusos. E de algo haberá que vivir, digo eu.

jueves, 21 de enero de 2016

Editorial

Corren tempos difíciles para o xornalismo. A verdade é que nunca correron tempos fáciles, nin falta que fan. Quen se queira adicar a isto ten que saber que, salvando as comparacións, é necesario un ímpetu como o dun bo mariñeiro. Un bo xornalista, ou ó menos o que eu considero como bo, deberá enfrontarse contra vento e marea, capear temporais e loitar para chegar a porto cargado dos seus peixes, neste caso boas historias cargadas de verdade, cheas de razóns e valentía. Mais non sempre hai pesca, e un ten que volver a terra e reparar o aparello para volver largar. A boa praxe, nesta profesión coma noutras,  pero máis no xornalismo, é o todo. Ben é certo que a obxectividade é un concepto semellante ó da liberdade, que din que remata onde comeza a do próximo. Deixando a un lado a suposta imparcialidade, da que moitos presumen e que, dito sexa de paso, ás veces non sae á conta, o mellor de ser xornalista, ademáis de contar historias, ó meu xuízo, é a de servir como mediador entre a cidadanía, entre o pobo, e as clases dirixentes. 
Moitos dos que lexades estas liñas pensaredes a conto de qué vén tanta literatura sobre o xornalismo, se todos son iguais, e total as noticias, os xornais, a tele e a radio son unha merda que só conta mentiras, ou medias verdades manipuladas, e non vos falta razón. Por iso, agora máis que nunca, necesitamos xornalistas de rúa, e non super estrelas dos medios. Chega un momento na vida profesional, sexa ó comezo, no medio ou no final que un se pregunta: " e eu de qué lado estou?, estou ó servizo do poder ou estou coa miña xente"?. Ben é certo que axiña te respondes: "de momento, estou cos que me pagan", e con esta frase lapidaria enterras a túa dúbida ata que, quen sabe, algún día recuperes a ilusión polo xornalismo libre. 
Eu seguirei defendendo as miñas ideas, que segundo puiden comprobar o pasado 20D, non teñen cabida en ningún partido político actual, polo menos español. O meu pensamento político é tan independiente que non ten oco nos pensamentos de masas. Mellor así, esa é a conclusión á que cheguei o 21D.
Con relación á pasada entrada do blog, a primeira do 2016, na que se vía reflexada a desidia polo inmovilismo do goberno local actual, aínda me falta expoñer o que non é novo neste blog e que levamos máis de oito anos defendendo. Para que non se faga a lectura moi pesada continuareino no seguinte, con máis detalle. 

domingo, 17 de enero de 2016

La vida sigue igual

Logo de once meses sen actualizar este espazo de crítica, propostas, información e opinión do concello de Sanxenxo moito choveu desde aquel febreiro de 2015. Por unha banda, hai uns días o blog cumpría nada menos que oito anos de existencia. Dende aquel lonxano 2008 ata hoxe, xa comezado o ano 2016, as perspectivas de mellora eran moitas, mais a realidade dinos que as cousas, lonxe de mudar para mellor continúan do mesmo xeito ou mesmo peor. E non se albisca ningún cambio no horizonte.

O espírito de crítica co que Pombal City naceu hai xa oito anos continúa aínda vivo, e o blog que nacía coa ilusión dun estudante de secundaria que soñaba con ser algún día un bo xornalista que lograra, como un verdadeiro contrapoder, mostrar ós políticos locais e ós dirixentes veciñais o potencial da parroquia de Adina e do coidado non só da nosa costa, que é un verdadeiro tesouro, senón tamén do noso rural, cun potencial etnográfico, cultural e paisaxístico que podería supor unha alternativa viable ó turismo de masas. Daquela, no 2008, aquí xa se denunciaba o que hoxe se chama "canibalismo urbanístico", tamén chamado feísmo, e que tanto abunda pola extensa xeografí
a do noso concello. Tamén a existencia de verquidos de orixe doméstica e industrial nos nosos regatos e montes, o continuo maltrato e desprezo polo noso medio ambiente e os nosos ecosistemas que a corporación municipal condena ó ostracismo. Agardemos que de hoxe en oito anos máis a mesma forza e o mesmo espírito continúen alentando esta bitácora.

O ano 2015 foi un ano de cambios, pois foi ano de eleccións municipais. En Sanxenxo, como en outros moitos concellos, a forza das novas formacións políticas, denominadas emerxentes, impediu en moitos casos a revalidación das alcaldías do PP. No caso do noso concello produciuse un pacto que moitos poden considerar anti-natura pero que a priori foi útil para desbancar dezaseis anos de goberno hexemónico do PP de Telmo Martín primeiro, e da súa "delfina" Catalina González despois.
Gonzalo Pita, cabeza de lista de Sanxenxo Agrupación Liberal, logrou o acordo co BNG de David Otero, co PSdG de Coral González-Haba, unha das acrtices revelación xunto con Roberto Carlos Agís, de Sanxenxo Pode, que tamén se sumou ó cuatripartito que goberna Sanxenxo dende xuño de 2015.

Novo goberno, novas ilusións e sobre todo, ansias de cambio de moitos veciños, que vían cómo a longa noite de pedra e ladrillo chegaba á súa fin.

Pero non, unha vez máis o esperado non sucedía. É que a realidade dí outra cousa. Máis de medio ano despois, novas caras pero vello sistema.
Tes razón paisano, la vida sigue igual.

lunes, 23 de febrero de 2015

Adeus Venecia, adeus

Debo confesar que me emocionei cando vin o que mostro nestas imaxes. Aqueles que seguides esta bitácora dixital ou que residides ou frecuentades a zona do Pombal a miúdo poderedes distinguir esta tubaxe soamente con estas tres fotografías. Efectivamente. É o cano que levaba cegado polo barro e por outros motivos que expusen na outra entrada do mes de novembro. Hai unhas semanas operarios municipais procederon á limpeza do fango cun camión de auga a presión. Semella que a forza hidráulica liberou por fin a tubería de metros de lodo que levaban anos alí dentro. Logo remataron poñendo unha rella metálica para evitar que pasen materiais sólidos de gran tamaño que poidan volver a atorar o paso da auga.

Ó final da rúa, cara a agora denominada "do Río"  os operarios tamén procederon a abrir novas rellas e arquetas para aliviar a estrada da auga que discorre en pendente pola estrada. Estas actuacións tan necesarias axudarán a evitar esceas vividas no pasado tanto no Pombal como rúa abaixo.
Como ía dicindo, emocioneime de verdade cando vin o tubo limpo como unha patena. Freguei os ollos por si era unha ilusión ou unha ensoñación froito da falta de sono ou de glicosa pero non, era real, a auga entraba sen obstáculos por un extremo e saía polo outro. 
Sigo preguntándome por qué tardaron tanto en amañar isto, pero como a resposta que me dou a min mesmo é moi penosa e triste e deixa a algúns en mal lugar prefiro reservala para min só. É ou non é lexítimo pedir que poidas entrar decentemente na túa vivenda? Si algún lector pensa que fixeron caso das reclamacións non creo necesario agradecerllo a ninguén, só que me da que pensar que se achega a campaña electoral e que hai que queimar os últimos cartuchos, aínda que sexa en actuacións coma esta, que levou anos, ANOS, empantanada e á vista de todos.


Por certo, o circo político en Sanxenxo, mais ben as primeiras funcións deste 2015, acaba de comezar e a primeira fera xa está solta. Agora é turno do domador o de ir controlando a situación. Nós, coma sempre, estaremos atentos dos funambulistas, trapecistas, forzudos, paiasos e ilusionistas vendedores de fume. O meu voto irá para o faquir, pero a verdade é que eu nunca fun moi afeccionado ós espectaculos circenses. 



jueves, 8 de enero de 2015

Chegou o 2015

Hai un ano, día arriba día abaixo, escribía unha entrada sobre aquela tremenda granizada que caira a comezos de 2014. Si facedes un pouco de memoria podédesvos acordar do final de 2013 e comezo de 2014 que tivemos, climatolóxicamente falando. Se non o lembrades pódovos facer algo de memoria.

Imaxe do meteosat do 1 de xaneiro de 2014

Esta é a imaxe do satélite Meteosat do primeiro de xaneiro do 2014, que podedes atopar no arquivo de Meteogalicia . Nela aprécianse, como en tódolos mapas de isóbaras, altas e baixas presións, ou o que é o mesmo, anticiclóns e borrascas. No caso de Galicia apréciase cómo aparecía cuberta de nubes, pois un sistema frontal estaba atravesando a nosa comunidade, e detrás desa borrasca que nos afectaba, que tiña o seu centro de presión sobre as illas británicas, podía apreciarse desde o océano atlántico que outra baixa se ía aproximando.  Máis ó sur, sobre o norte de África vese o anticiclón, pero que nada puido facer contra as borrascas atlánticas que circulaban ó norte.  E na Siberia tamén se albiscaba outro centro de altas presións. 
Hai 12 meses estabamos en pleno tren de borrascas, as cicloxéneses que viñeron tan seguidas. A verdade é que despóis de tanto tempo como levamos sen ver un temporal este final de outono e comezo de inverno xa se nos fai moi lonxe o vivido o ano pasado. E que apenas temos memoria climática.


Imaxe do meteosat do 1 de xaneiro de 2015

Aquí tendes a imaxe do mesmo satélite doce meses despóis da de arriba. Así comezaba este ano novo 2015. Sobre a península ibérica non hai apenas nubosidade, salvando algunha que outra néboa nos vales e no interior. As altas presións acompañáronnos antes e durante todas as vacacións, polo que moitos lle chamaron o anticiclón de nadal. Cun centro de 1036 mb este anticiclón de bloqueo impediu como un auténtico escudo anti mal tempo, a entrada de borrascas, desviando as súas traxectorias cara o norte de Europa. Non choveu, pero iso si, a situación do A xunto coa B que se observa en Grecia e Balcáns xerou un corredor de ventos do nordés, especialmente no leste peninsular, o que fixo baixar as temperaturas. En Galicia o que fixo foi xerar días solleiros pero con néboas mestas, xa que a posición do anticiclón xerou durante varias xornadas ventos do sur e xeadas no interior. 
No mar a cousa non é tan doada, xa que como moitos mariñeiros e vellos homes de mar saben, o bo tempo en terra non ten por qué garantir unha boa mar. Sí, estou a referirme ó mar de fondo. Como dixen antes as borrascas marchar non marcharon, que estamos no inverno, pero o que fixeron foi circular por latitudes máis altas. Pero o mar non entende de fronteiras nin de isóbaras e viaxa cara nós levantando as ondas dende o fondo e removendo o mar. Ou sexa, día solleiro e calma chicha pero mar alterada, cómo se come iso? Moi fácil, o océano estanos a falar, estanos a dicir que do lugar de ónde vén hai un temporal que nin os cans, e por iso quixo fuxir de aló e bater contra as nosa costa. 

Agora ben. Por qué o ano pasado non paraba de chover e este ano está tan calmo e frío? Pois mellor ca min seguro que o explican os amigos de 4gotas que é de onde eu aprendin moito do que estou escribindo, aínda que tamén lle debo parte á 2º de bach e a primeira lección de Xeografía, e tamén ó meu amor e curiosidade pola metereoloxía e os fenómenos climáticos. 
Os expertos falan de que este ano hai un debilitamento do jet stream. Qué é iso? Pois para que o entendades, é como unha corrente mariña pero na atmosfera. É unha circulación de vento moi forte  procedente dos polos que vai de oeste a leste e que rodea o hemisferio norte, como unha autopista das nubes. 
Entón este ano como vai ralentizado pois como que se encartou un pouco, facendo oscilacións, isto é picos e vales, permitindo así que na península ibérica o anticiclón poida permanecer estable moito tempo e que as borrascas teñan que escalar o jet stream cara as illas británicas e Islandia. O ano pasado a corrente en chorro circulaba moito máis rápida e cunha marcada dirección oeste-leste, en liña recta, polo que serviu de "vía" para transportar ese tren de borrascas que nos afectou. Aquela ocasión o anticiclón, ante a velocidade do jet stream nada puido facer e retirouse cara o sur. 
Por certo, o jet stream oscila de latitude do verán ó inverno. Na estación fría descende máis ó sur, permitindo a entrada de masas de aire máis frías procedentes do océano ártico e do atlántico norte, frías e húmidas. No verán a corrente polar ascende permitindo que o aire africano ascenda e chegue á península. Así que o noso amigo Jet Stream inflúe moito máis do que pensades nas nosas vidas e nos nosos plans cotidianos. Pero tranquilos, que este ano vai chover, non vos confiedes.


Perdoade si este post se vos fixo un pouco tostón de máis. Por certo, informáronme de que O Pombal sufreu recentemente ataques de denosiñas e de martas. Estes mamíferos no inverno buscan comida nos poleiros onde hai alimento. Máis adiante farei un especial sobre estos animais que conviven con nós e que deben ter tamén o seu espacio e o seu dereito a estar. Raposos, denosiñas, martas e lontras son animais que se alimentan en ocasións gracias ós descoidos dos humanos, ou mesmo por pura supervivencia. Son parte da nosa fauna e só por iso debemos mostrar respeto, e tomar medidas nos galiñeiros tamén. 

 Que teñades un bo ano 2015. Saúdos.

lunes, 15 de diciembre de 2014

Xa vai alá un ano



Estoume dando conta de que estes días cercanos ó 14 de decembro son para min especiais. Desde hai unha semana máis ou menos vía cómo unha data se ía aproximando no calendario con sixilo, case sen facer ruido ningún. De novo vellos recordos comezan a saír a flote no meu inconsciente. Sensacións de reencontro e de cambio.

Hai xusto doce meses escribía aquí, neste blog, unha carta de despedida triste, un pouco amarga, pero sempre cunha miga de retranca. É certo que poucas veces se me da por escribir un texto así de sincero e fluído, casi sen autocensura nin reflexión previa. Só unha páxina en branco e todo o meu pensamento de aquel intre, o que eu sentía, o que o meu pensamento e a miña memoria volcaron durante aqueles días tan estraños e melancólicos. Nunca antes sentira así a morte dunha persoa como aquel 14 de decembro de 2013. Dalgunha maneira tiña a certeza de que algunha parte de min mesmo morría tamén, que algo remataba. Era a fin, a fin de moitas cousas e a partir de aquela comezaría un tempo novo, un punto e aparte.

Durante este tempo pregunteime infinidade de veces cómo de diferente sería a miña vida se hai oito ou nove anos nunca me involucrara no seu proxecto, na súa andaina. Había alternativas, non? De feito durante ese tempo a piques estiven de olvidarme do tema e dedicarme a outras cousas, pero sinxelamente non puiden, por estrañas circunstancias ó final sempre o arreglabamos, os dous cediamos. Él sabía que eu máis tarde ou máis cedo tería outras prioridades.

Xa vai alá un ano, pero aínda me lembro como si fose hai unha hora dos seus últimos meses. Mais non quero recordalo así, non sería xusto nin correcto. Hoxe o meu corazón e o meu pensamento están en Dimo, con él, coa súa irmá e co resto da súa familia na igrexa da súa parroquia natal. Eu non estou alí con eles aínda que unha parte de min si que o está, de algunha forma. Non era parente meu pero sempre terá un reservado nas miñas peticións e no meu recordo, ó lado doutras persoas que pasaron pola miña vida deixando unha fonda pegada.

Quizais o meu futuro non vai ser o que él quería para min, ou quizais si, quén sabe, iso aínda está por escribir. Do que sí estou no certo é de que do ano 2013 en diante os 14 de decembro van a ser días para o seu recordo. Un día do ano que se prestará para comezar a contar historias e acontecidos dunha época da miña vida. 

Agora toca vivir unha etapa nova.
Penso que xa é o momento. Algún día tiña que ser e ninguén é imprescindible. Todo muda.
Un cambio de ciclo que estará pechado de todo cando remate a carreira. Aí sentirei que outra cousa vai a comezar a partir de agora.
 Lonxe ou preto das badaladas das campás que anuncian os sinos da vida e da morte.
O alto da torre de pedra á que subín tantas veces e que tantas vivencias me trae.
Hoxe non cabe a dúbida. Xa cumprín. A transición rematou.
Un cacho de min morreu alí tamén aquel día.